Monday 06 de May de 2024

A Casa do Concello de Abegondo acolle dende mañá un curso de aplicador e manipulador de productos fitosanitarios organizado pola Xunta


A acción está integrada no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

A aula multimedia da Casa do Concello de Abegondo acolle dende mañá ata o martes 8 de setembro un curso de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios dirixido a profesionais do sector agrario ou persoas interesadas en incorporarse a el. Organizado pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), será impartido pola Oficina Agraria Comarcal de Cambre.
Esta acción formativa, que está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020, contará cunha duración total de 27 horas. Nela trataranse temáticas como as pragas e as enfermidades que afectan aos cultivos, a preparación e a aplicación dos distintos tratamentos fitosanitarios, así como a súa clasificación e etiquetado, incluíndo referencias aos pictogramas e indicacións das súas embalaxes.
O principal obxectivo do Plan de formación ao agro galego é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.
Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.